Acción Feminista de Anova en solidariedade coa compañeira Laura Bugalho

Con motivo do xuízo contra a activista LGTBI e sindicalista da CIG Laura Bugalho, que terá lugar o vindeiro 7 de xuño en Compostela, dende Acción Feminista de Anova queremos sumarnos os diferentes colectivos feministas que están a promover diversas campañas en solidariedade.

Laura Bugalho conta cunha longa e recoñecida traxectoria dedicada principalmente ao apoio e asesoramento das persoas migrantes. Asemade, é o rostro visíbel do movemento trans galego, feminista, independentista e defensora das presas políticas vencelladas á soberanía dos pobos galego e vasco. Precisamente esta longa traxectoria na loita pola defensa dos dereitos humanos é o obxectivo principal no que se asenta este caso, un caso cargado de sombras no que a Fiscalía pide ata 8 anos de cadea por un presunto delito de falsidade documental e tráfico de persoas.

Dende Anova reclamamos a liberdade sen cargos para Laura Bugalho, porque defender ás persoas migrantes non é delito. A defensa dos dereitos das máis vulnerábeis é un acto de xustiza social que non pode ser censurado en ningún caso. Laura Bugalho non é unha delicuente, senón un exemplo para todas nós.

Animamos a cidadanía a participar na concentración convocada a petición da defensa, diversas organizacións, colectivos e movementos sociais, o día 7 de xuño ás 9:00 h diante dos Xulgados de Fontiñas (Compostela).

Porque si tocan a unha, tócannos a todas!

#MoitasLaurasPrecisaEstePaís

Deixar un comentario