Un programa #ParaCambialoTodo

O 27 de abril de 2015 en asemblea aberta, Anova- Irmandade Nacionalista aproba unha serie de medidas urxentes que pretenden ser unha ferramenta para todos aqueles que queren unha verdadeira ruptura. ANOVA quere ser o instrumento para os que desexan un Concello a prol do emprego digno para todos, da igualdade entre mulleres e homes, da constante participación popular, da decencia e a transparencia e duns servizos públicos universais que aseguren o benestar colectivo.

Estas son as principais medidas #ParaCambialoTodo. Podes descargalas aquí e se quedaches con gañas de máis o Programa Marco de Anova nesta outra ligazón.

 

LIMIAR

ANOVA preséntase a estas eleccións para, dende a humildade, ser unha ferramenta para aquelas e aqueles que queren unha verdadeira ruptura. ANOVA quere ser o instrumento para as e os que desexan un Concello a prol do emprego digno para toda a cidadanía, da igualdade entre mulleres e homes, da constante participación popular, da decencia e a transparencia e duns servizos públicos universais que aseguren o benestar colectivo. Queremos esquecer catro anos de ineficacia, insultos mutuos, opacidade e desleixo para cos servizos públicos. Porén Anova preséntase tamén contra a pretensión do PP de recuncar no goberno. Ourense non se pode permitir que a volva dirixir os que a arruinaron co Plan Xeral do ano 2003 (Plan declarado fraudulento polos Tribunais), as e os que secaron as nosas Burgas, as e os que están mergullados até o pescozo na lama da corrupción sistémica.

Anova non pensa en Ourense como un Concello illado e alleo á realidade que lle é consubstancial. Por iso imos alén de proxectos localistas que agochan un pensamento atrasado que non entende unha realidade plural e interrelacionada e que fuxe de pronunciarse sobre os retos actuais. Anova quere que o futuro goberno de Ourense sexa un elo mais da cadea para rachar co actual sistema corrupto e esmagador dos dereitos sociais e políticos do 99% da poboación. E Anova entende a Ourense como un compoñente imprescindíbel para a construción nacional de Galiza ao servizo do benestar desa maioría. Maioría que só será tal se a igualdade de xénero preside e informa todas e cada unha das accións políticas e administrativas da Institución.

Anova pensa Ourense como un espazo equilibrado. Os recursos públicos deben investirse en todos os recantos e as dotacións públicas deben situarse nos diferentes barrios da cidade, cunha atención especial á marxe dereita do Río Miño. Esta desconcentración posibilitará maior xustiza social, mais participación e mellor mobilidade. Para lograrmos isto a participación na elaboración, xestión e control dos orzamentos será fundamental.

As persoas que vos queren representar a través de Anova son activistas do común, cidadanía, que non políticas e políticos profesionais. Xente que traballa decote no asociacionismo cultural, sindical, de protección ás persoas discapacitadas, do benestar, das mareas de defensa dos servizos públicos, do ecoloxismo, da lingua galega. Agora, con modestia, sen atribuírmonos a esencia nin a representación única destas loitas colectivas queremos que as reivindicacións que todos os días formulamos nas rúas nutran a acción do futuro goberno de Ourense.

 

IGUALDADE DE XÉNERO

  1. Ourense ten que reordenar os seus espazos e os seus tempos dende a perspectiva de xénero. Todo plan, programa ou proxecto municipal levará un estudo do seu impacto futuro sobre a igualdade de xénero e unha auditoría dos resultados da súa implantación.
  2. Dotaremos de persoal e orzamentos específicos e autoxestionados ao Consello Municipal da Muller para que se converta nunha ferramenta efectiva a prol dunha despatriarcalización da nosa comunidade.

 

EMPREGO

  1. O Concello creará Auria Aforra, Caixa de Aforros Local ao servizo da creación, impulso, innovación tecnolóxica e internacionalización da nosa pequena e mediana empresa e das políticas que garantan unha vivenda digna para todas e todos.
  2. Anova concibe a auga como un recurso endóxeno e complexo con multitude de posibilidades e aplicacións nos aspectos da sanidade, o lecer, a cosmética, a enerxía… Ourense creará a empresa pública Auga Auria para o control, planificación, aplicación de I+D+i, e xestión dos recursos, para obtermos benestar e que a riqueza que xere revirta na comunidade. Ourense desenvolverá con carácter inmediato os espazos termais das Burgas e a ribeira do Miño, o espazo a rentes do Campo da Feira e Matadoiro Municipal co traslado deste a unha zona industrial. Converterá o Centro de Interpretación da Natureza nun establecemento termal. Desenvolverá un programa de I+D+i sobre as augas con centro no Parque Tecnolóxico e a Muiñeira.
  3. Ourense reformará as Prazas de Abastos para que sexan o espazo de valorizacióne comercio do produto local sán e as dotará dos servizos que engadan valor a estes. A Praza de Abastos das Burgas será ademais o complemento necesario da oferta termal integrada do centro urbano.
  4. Ourense potenciará os Centros Comerciais Abertos existentes e promoverá a constitución doutros, axudándoos a instalarse e a competir no e-comercio.
  5. Ourense recuperará as actuais Galerías Comerciais para usos comunitarios, sociais e empresariais e de comercio innovador.
  6. O Concello deseñará e implantará un Parque Industrial Estratéxico para o interior da Euro Rexión Galiza-Portugal centrado nas aplicacións diversificadas e intelixentes dos nosos recursos endóxenos.

 

ORDENACIÓN TERRITORIAL

  1. Ourense é un Concello Galego coa vocación de ser a capital do desenvolvemento do interior galego-portugués e o nó entre a fachada atlántica e o interior peninsular.
  2. Ourense só pode existir e desenvolverse dende a simbiosedos seus elementos urbanos e rurais, sen que as raias administrativas determinen a planificación e a xestión dos recursos e as políticas públicas.
  3. Elaboraremos dacordo coa Xunta e con carácter comarcal un Plan Territorial Integrado de Ordenación que planifique os usos do territorio, as infraestruturas e dotacións de transporte, auga, enerxía, comunicacións, bombeiros, protección civil, seguridade, educación, sanidade, comercio, residencial, residuos, espazos naturais, etc.
  4. Ourense recuperará as parroquias como núcleos de ordenación e planificación no seu ámbito territorial. A vivenda valeira deste ámbito terá prioridade para a súa rehabilitación con fins residenciais e de dotación turística.
  5. Elaboraremos un Plan de Ordenación de Recursos Forestais para a valorización económica, social, cultural e medio ambiental do monte público, comunal e privado.

 

SUSTENTABILIDADE E MOBILIDADE

  1. Ourense introducirá na súa ordenación e planeamento a lexislación comunitaria máis avanzada en canto a sustentabilidade, nomeadamente no que se refire ao metabolismo urbano.
  2. Ourense sairá do Plan Sogama e elaborará e executará un Plan de Residuos baseado nos tres R.
  3. Ourense planificará a súa mobilidade cos criterios de xénero, máxima accesibilidade, intermodalidade, primacía dos desprazamentos non motorizados, en vehículos non contaminantes, e en transporte colectivo, público ou privado.
  4. Ourense aplicará os plans 30km/h no conxunto do Concello.
  5. Ourense só instalará, con carácter xeral, mobiliario urbano de uso público e social e reestruturará o existente.
  6. Ourense instalará sistemas de transporte á demanda para o medio rural e ampliará e adaptará as liñas de transporte público ás necesidades reais da cidade.
  7. Ourense creará e atenderá a Rede de Camiños Escolares para que as cativas e os cativos vaian e volvan soas e sós das escolas.

 

 URBANISMO E VIVENDA

  1. Ourense aprobará axiña un PXOM cunha especial atención á redución da previsión de novas vivendas, á priorización da rehabilitación e reposición desta, sobre todo no rural, ao equilibrio dotacional entre barrios e parroquias, á redución de necesidade de desprazamento, á previsión do uso da expropiación para o interese público onde for preciso e á eliminación degrandes superficies
  2. Ourense desenvolverá os ARIS en vigor, As Camelias e o Polvorín. Promoverá e xestionará novos ARIs no Vinteún-Sta Teresita e Barrocás-Pena Redonda. Revisará os contidos e métodos dos PERI da Zona Histórica e Seixalbo para que acaden os obxectivos rehabilitadores.
  3. Ourense creará unha Empresa Municipal de Urbanismo e Vivenda adicada á obtención e xestión de chan para dotacións e infraestruturas públicas, á promoción da vivenda pública nos seus diferentes réximes e xeitos, priorizando a rehabilitación, a reposición e o aluguer. A empresa fomentará o cooperativismo para a autopromoción de rehabilitación e nova construción.
  4. Ourense reformará as ordenanzas fiscais para gravar de xeito progresivo a nova construción e para bonificar a rehabilitación e a entrada no mercado de aluguer da vivenda valeira. Penalizaranse os grandes posuidores de vivenda apancada.
  5. Ourense creará un servizo de asesoramento xurídico que evite os desafiuzamentos antisociais e non traballará con entidades bancarias que executen desafiuzamentos desta caste.

 

FISCALIDADE E SERVIZOS MUNICIPAIS

  1. Ourense precisa dunha verdadeira autonomía local, nomeadamente no aspecto financeiro. É precisa a derrogación das leis de estabilidade orzamentaria e a reforma da Lei da Administración Local de Galicia neste sentido. Desaparición da Deputación Provincial.
  2. Crearemos a Tarxeta OU para as persoas empadroadas e que tributen aquí. Esta tarxeta intelixente permitirá beneficios e bonificacións no acceso e utilización dos servizos e instalacións e facilitará a relación coa Administración Municipal.
  3. Ourense fará unha reforma fiscal a prol da universalidade, equidade e suficiencia financeira. Universalizacióndo IBI coa inclusión entre os suxeitos pasivos as Igrexas e confesións relixiosas.
  4. Ourense utilizará as contribucións especiais con criterios de progresividade fiscal para o financiamento de obras ou servizos que non sexan obrigatorios ou socialmente prioritarios.
  5. Ourense penalizará fiscalmente o consumo suntuario ou agresivo co medio ambiente.
  6. Ourense remunicipalizará as actuais concesións de servizos públicos, que terán como límite temporal o que establezan os actuais contratos en vigor.
  7. Ourense introducirá criterios de Contratación Social Responsábel (cláusulas sociais, medio ambientais, de xénero) na contratación pública municipal.
  8. Ourense elaborará unha Carta de Servizos para determinar a carteira de servizos públicos, racionalizar e simplificar procedementos, introducir e universalizar a administración electrónica, ampliar servizos, horarios e espazos de atención, información e asesoramento á cidadanía. Esta Carta, de carácter consolidado, establecerá obxectivos de calidades verificábeis.
  9. O Concello de Ourense demandará as grandes compañías que decote incorran en prácticas de feito ou de deito abusivas ou fraudulentas contra a súa cidadanía.
  10. Abriremos un Albergue Municipal para a Mocidade.

 

 

DEPORTES, CULTURA E NORMALIZACIÓN LINGUÍSTICA

  1. Ourense potenciará a actividade física de todas e todos e para todas e todos. Dotará de persoal técnico ás instalacións deportivas dos centros públicos de ensino, dos de barrio e habilitará os espazos naturais para a práctica municipal da actividade física, cunha especial atención aos deportes autóctonos.
  2. Ourense creará un Polideportivo Municipal con piscina climatizada na Finca de Mariñamansa.
  3. Ourense eliminará as subvencións dos clubs profesionais.“Legalizará” o Consello Municipal de Deportes a cuxa dirección se engadirán representantes da cidadanía.
  4. Ourense empregará os seus mellores recursos, o seu patrimonio e a súa capacidade de creación cultural, para xerar e difundirunha identidade e imaxinario de nós como cidade galega e universal.
  5. Ourense creará unha verdadeira Biblioteca Municipal Central que facilite o desfrute da lectura e o acceso ao audiovisual, cunha especial atención á creación galega e innovadora.
  6. Ourense promoverá a programación unificada e coordinada das infraestruturas, actividades e axudas culturais das diferentes Administracións.
  7. Ourense creará TeatrAuria como sinal de identidade, espazo de confluencia e interacción da nosa creación cultural.
  8. Ourense Potenciará e descentralizará a Universidade Popular, a Escola Municipal de Idiomas e a Escola Municipal de Música.
  9. Ourense cumprirá a normativa existente en materia de Normalización Lingüística e elaborará con consenso un Plan Cidadán de Normalización Lingüística con vocación de intervención nos ámbitos do comercio, medios de comunicación, empresas, servizos. Este Plan procurará a nosa aproximación ao espazo lingüístico e cultural da lusofonía.

 

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

  1. Ourense introducirá dinámicas de orzamento participativo para que no prazo de 4 anos aquela parte deste que non teña o carácter de fixo ou finalista sexa elaborado e aprobado con este sistema.
  2. Regularemos por norma a obrigatoriedade da dación de contas á cidadanía da Alcaldía e da representación municipal. Asemade regularase o acceso áxil e transparente á facturación e contratación pública.
  1. Ourense creará medios de comunicación audiovisual municipais cun Estatuto que garanta a súa independencia, obxectividade, pluralidade e vocación de servizo público.
  2. Ourense formalizará as Asembleas Veciñais de distrito, barrio ou parroquia coa obriga de asistencia das e dos membros do goberno en función das súas ordes do día.
  3. Ourense instaurará o acceso directo e áxil da cidadanía por medios electrónicos ou presenciais á contratación e facturación municipais.
  4. Crearemos un Consello da Mocidade que recibirá directamente os fondos municipais para a súa xestión autónoma e democrática.
  5. Ourense inscribirase na Liga de Cidades Educadoras e creará un Consello da Infancia como órgano de participación desta na planificación dos espazos e tempos.

 

SERVIZOS SOCIAIS

  1. Ourense elaborará un mapa de recursos e infraestruturas de Servizos Sociais. Coordinará e planificará de xeito conxunto os existentes. Converterá os Servizos Sociais en “Servizos de rúa”.
  2. Abriremos no vindeiros catro anos tres novas Escolas Infantís e tres novos Centros de Día para a terceira idade no Couto-Carballeira, S.Francisco-Mariñamansa e A Ponte- O Vinteún.
  3. Ourense implantará un Plan de Emerxencia Alimentaria que a través dos comedores escolares e ONGs asegure a alimentación suficiente e sá a toda a poboación.
  4. Ourense creará a figura do educador de rúa que en colaboración cos centros de ensino procurará o benestar da cidadanía.
  5. Reforzaremos os fondos e o persoal do CINM. Municipalizaremos de xeito inmediato a xestión da casa de acollida e estableceremos unha rede de pisos de saída de emerxencia e apoio para as vítimas da violencia machista.
  6. Crearase un Servizo de Orientación e Apoio á poboación inmigrante.
  7. En colaboración coa Xunta implantaremos unha rede de comunidades terapéuticas para persoas con toxicomanías.
  8. Promoveremos unha nova sé para o Punto de Encontro nun espazo e cun réxime de traballo que protexa a seguridade e intimidade das persoas usuarias.
  9. Ourense universalizará a cobertura wifi da nosa cidade facendo que chegue a todos os barrios e parroquias.
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s