Nunca máis cómplices, nunca máis silencio

MANIFESTO DE ANOVA NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O vindeiro 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, nun intre histórico de incertidume sociopolítica e de aparente descomposición do actual réxime. En contraposición, e se cadra como resposta, vén de iniciarse, e temos que parabenizarnos por iso, un proceso de acumulación de forzas cara á creba democrática deste inxusto e inhumano sistema que nos goberna, tanto dende elites económicas coma políticas.

Neste contexto, moito máis cruel coas mulleres, onde o emprego ou ben se perde ou ben se precariza e no que medra a fenda salarial e das pensións e aumenta a pobreza feminina, somos as mulleres quen máis sufrimos máis directamente os recortes dos servizos sociais.

Amais disto, os gobernos do PP, coas súas políticas reaccionarias, teñen aprobado leis que fomentan o machismo e a desigualdade, sustentando e fomentando un modelo de sociedade patriarcal mediante reformas educativas clasistas e claramente misóxinas. Os nosos dereitos como persoas maiores de idade con capacidade de decidir téñense visto aldraxados de tal xeito que son outros quen deciden por nós. A reforma da lei do aborto, por exemplo, feita fundamentalmente por homes, subvirte o dereito a decidir sobre os nosos corpos, a nosa sexualidade e a nosa maternidade relegándonos a cidadás de segunda, mentres vemos como se cede de novo o control á moralidade das relixións monoteístas como a que abandeiran a Igrexa católica, a xudea e a musulmá e aos medios de comunicación de masas, impedindo de facto a aconfesionalidade do Estado.

A consecuencia última do fomento da sociedade patriarcal no sistema capitalista é o terrorismo machista que asasina compañeiras tódolos días. Mulleres víctimas dun tipo de terrorismo que NON é alleo ao Estado e aos partidos do sistema, quen sempre miran para outro lado non tomando medidas lexislativas para rematar cos asasinatos e violencias que sobre nós exercen.

Fronte a esta situación de involución dos dereitos laborais e sociais conseguidos grazas ás loitas das nosas antergas e de desprotección fronte á violencia machista, cómpre máis ca nunca a despatriarcalización do sistema e a creación de espazos de converxencia e unidade, que favorezan a participación, organización e representación das mulleres que incorporen reivindicacións cun discurso feminista.

Por este motivo, Anova-Irmandade Nacionalista súmase e convida a participar a todas as persoas que acrediten nunha sociedade igualitaria entre mulleres e homes, na manifestación nacional que con motivo do Día Internacional da Muller terá lugar o vindeiro domingo día 6 de marzo ás 12h, con saída da estación de tren de Compostela, convocada polos colectivos e organizacións feministas do país.

Reivindicamos o 8 de Marzo como unha data combativa, que visibiliza o esforzo das mulleres que loitan contra a opresión do sistema capitalista, patriarcal e antigalego e contra as políticas austericidas que atacan frontalmente os dereitos sociais, laborais, sexuais e reprodutivos das mulleres.

Nunca máis seremos cómplices, nunca máis gardaremos silencio

Grupo de Traballo de Acción Feminista de Anova0505

anova_8marzo_2016

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s