Anova En Marea

Anova é o resultado dun proceso en que confluímos nun mesmo espazo persoas de diferentes culturas e tradicións da esquerda e do nacionalismo. É consubstancial a nós a procura de fórmulas de converxencia e unidade, acumulación de forzas arredor de dous eixes irrenunciables: a emancipación social e a autodeterminación. Chamémoslle República Galega.

O Día da Patria de 2012, o noso Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, lanzaba a proposta dunha fronte ampla para as eleccións autonómicas. Aí naceu AGE, a experiencia política que puxo o primeiro chanzo nese proceso de acumulación e unidade. Tras a experiencia das elección autonómicas de outubro de 2012, viñeron as eleccións ao Parlamento Europeo de 2014, para as que seguimos configurando espazos de procesos de unidade, e iso permitiunos contar con Lidia Senra como deputada para defender un programa contra a austeridade imposta pola Troica e de defensa das clases populares e dos sectores produtivos de Galicia.

En maio de 2015, a militancia de Anova participou activamente nos procesos que a cidadanía do común, con ou sen militancia partidista, estaba organizando nos principais concellos de Galicia. As chamadas Mareas, as diversas candidaturas de unidade e confluencia, constituíron un chanzo máis no proceso de converxencia da esquerda política e a esquerda social, como a miúdo lembra Martiño Noriega, e configúranse así como espazos de conquista efectiva da nosa condición de pobo soberano. Porque un pobo é soberano non cando alguén lle concede un dereito senón cando exerce con determinación e contra toda adversidade a súa capacidade de decisión sobre todas as cousas. A súa soberanía. Máis alá das estreitas marxes do marco xurídico, político e institucional. As Mareas triúnfan contundentemente en tres das cidades importantes de Galicia: Compostela, A Coruña e Ferrol, derrotando o PP e o PSOE, o cal constitúe un feito histórico sen precedentes. Outras candidaturas municipais conseguen éxitos semellantes. Alá onde se ensaia a fórmula da marea, coas especificidades de cada lugar, os resultados son importantes. O concepto de Marea como espazo de acumulación de forzas e de encontro entre a cidadanía activa e as organizacións da esquerda de ruptura instálase no imaxinario colectivo do pobo galego e vaise espallando coma un regueiro descontrolado por todo o mapa da Nación. Así nace a idea dunha Marea Galega como expresión dun novo tempo político, dun novo poder constituínte que rompe os vellos marcos e fai saltar polo aire o gastado e aparentemente estable mapa político galego. Ás institucións accede por primeira vez a xente do común. E faino contra as forzas do réxime, incluídos os medios de comunicación, que participaron directamente na campaña e sufriron unha contundente derrota. A dereita sempre comprendeu moi ben onde está o perigo.

As Mareas, as das tres cidades citadas e tamén as do resto da Nación, son a última estación do noso traxecto colectivo ata hoxe. Non, desde logo, a derradeira. Son apenas a porta aberta a un novo tempo de profundización na unidade máis alá de vellas identidades e fronteiras políticas que nos dividían e nos condenaban á marxinalidade. Son a expresión dunha moi potente e imparable arela colectiva de creba democrática que termine co réxime que nos abafa. Un réxime que traslada a todos os lugares sensibles da sociedade civil galega, ou sexa, ás clases populares, toda a agresión as clases subalternas sofren por toda Europa.

Nese proceso, na súa continuidade, na necesidade de materializar esa idea de Marea Galega que vive xa no imaxinario colectivo, xorde En Marea. É a seguinte fase do proceso de acumulación de forzas e unidade no que Anova se implica activa e xenerosamente desde o seu nacemento. Probablemente sexa o paso máis importante de todos cantos demos ata o de agora. Porque En Marea continuamos a articular ese Suxeito Político Galego de ruptura que nos permitirá exercer con absoluta determinación a nosa condición de Pobo Soberano.

Pola ruptura democrática e por un novo proceso constituínte. E sempre coa República Galega en perspectiva.


MATERIAIS GRÁFICOS EN MAREA/ANOVA


Cabeceira Facebook

Cabeceira Twitter

Perfil Anova

Perfil xenérico

Outros

25

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s