Entrevista a Ramón Coira, activista pola lingua galega e nº 9 da candidatura de Anova en Ourense

RAMÓN COIRA, de 51 anos, número 9 na candidatura de Anova Ourense, é funcionario de prisións no Pereiro de Aguiar e un comprometido activista pola lingua galega. Socio da Mesa pola Normalización Lingüística e membro de Queremos Galego, confesa ser “neofalante” porque os seus “devanceiros eran galegofalantes, mais o idioma foise perdendo por mor da represión lingüística”. Porén, estudiou galego pola súa conta na Escola Oficial de Idiomas, experiencia da que garda “moi bo recordo”, e é dende hai moitos anos monolingüe en galego. “Aprecio a xente que pelexou e pelexa polos nosos dereitos lingüísticos e pola nosa supervivencia como pobo”, afirma. No seu centro de traballo, engade, “houbo uns intentos -en boa medida frustrados pola nova dirección- por galeguizar e democratizar a prisión; porén aínda nos bos tempos todos os impresos e os programas informáticos estaban en castelán, incumprindo teimosamente coa legalidade vixente.  O idioma galego é o que nos une co noso pobo e o que nos identifica como galeg@s, por iso moita xente resiste a asimilación: por certa dignidade e certo amor a Galiza”. Hoxe participará na celebración do Día das Letras na praza da Imprenta de Ourense.

 – Hoxe é 17 de maio, Día das Letras, e celébrase unha festividade institucional que ao mellor está esgotada nos termos nos que ten lugar actualmente. Como se podería renovar?

– Paréceme ben que se fagan celebracións alternativas e populares, en torno a escritor@s viv@s, mais respectando sempre a celebración institucional organizada pola RAG e participando tamén nela.  Creo necesario un día adicado ás mulleres nas Letras que reivindicamos as feministas, paréceme absolutamente necesario

– E que pensas do autor homenaxeado este ano, Filgueira Valverde?

Eu suupoño que é un intento desesperado da RAG por sumar á Xunta e ao PP á defensa da normalización e promoción do idioma, detendo a alarmante perda de falantes.  O idioma claro que é de tod@s, de tod@s os que o empregan e defenden.  Filgueira Valverde ten luces e sombras, coma todo o mundo; pero afectiva e ideoloxicamente estou cos que sufriron a ditadura e non cos que colaboraron con ela.

– Hai tan só cinco días, as universidades galegas publicaban unha declaración na que amosaban a súa “preocupación” polo futuro da lingua e por que o uso do galego retroceda gravemente nas xeracións máis novas, e na que esixían que se cumplise a Lei de Normalización Lingüística. Chegaban a dicir que temían que o galego se convertise nunha lingua estranxeira na súa propia patria. A mesma RAG pedira xa a derrogación do “Decreto do Plurilingüismo” no ensino.

Todas as denuncias e chamadas de atención que se fagan sobre a perda de falantes son boas.  Temos que ser defensores conscientes e activos deste patrimonio, que nos singulariza e nos identifica como galeg@s.

– Que medidas ten que adoptar o goberno galego para atallar isto?

– Por suposto, derrogar o decretazo do ensino; pois o ensino é fundamental na transmisión da lingua.  Quen nos vende e quen nos quere asimilar sábeno e por iso golpean aí.  Esixir ao profesorado e ao funcionariado competencias lingüísticas en galego.  Fomentar ou, incluso, utilizar a lei para que toda a prensa galega empregue o noso idioma nunha porcentaxe mínima e digna nas súas páxinas.  E tamén unir o ensino do idioma á cultura e á historia do noso pobo, non facelo dun xeito aséptico.

– Que podemos facer dende a sociedade para “salvar” o galego?

Empregalo canto máis mellor; consumir cultura galega, porque só se ama o que se coñece.  Consumir produtos en galego e en locais que defendan o noso idioma.  Asociármonos.

 En cidades como Ourense, aínda que a porcentaxe de castelanfalantes totais ou parciais é menor que en Vigo, Coruña, Ferrol ou Pontevedra, sitúase nun 61,37% e a de galegofalantes descendeu ao redor de dez puntos en cinco anos, sendo o castelán maioritario. Que habería que facer dende o concello de Ourense para reverter esta situación? E concretamente entre a mocidade?

Incidir nos estímulos positivos.  Primar tanto nas festas como nas demaisactividades culturais os grupos que empreguen o galego.  Organizar cursos en galego para funcionariado, inmigrantes… Estimular e priorizar a actividade cultural en galego, fomenta-lo seu uso a través de axudas, concursos e certames, festivais, actividades escolares e de lecer… Normalizala en todos os usos e ámbitos, todo o que poida facer o concello estará ben feito e non estará en absoluto de máis. É fundamental dinamizala, presentala como a ferramenta útil que é á sociedade, como un ben de noso, vivo e divertido.

– É necesaria unha “despartidización” da causa da lingua?

Sería ideal, pero se a Xunta e o Estado atacan a nosa supervivencia lingüística non nos queda outra opción que ir á confrontación.  Gustaríame un consenso lingüistico básico, onde as discrepancias foren menos exacerbadas; porén a diglosia, chamada por algúns bilingüismo harmónico ou cordial non é aceptable para min.  Quero vivir en galego.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s