17M. Unha lingua para gobernar un concello

O próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, atravesaremos a liña media da campaña das eleccións municipais. Por esta razón, e máis aló da lexítima propaganda e dos actos de campaña de cada candidatura, propoñemos a todas as candidaturas sensíbeis coa lingua nosa deter un momento a maquinaria electoral e encher Galiza, concello a concello, de Actos de Compromiso coa Lingua Galega.

Para iso, convidámosvos a presentar perante os electores e electoras do voso concello e a cidadanía en xeral un decálogo de compromiso coa lingua que inclúe apenas algunhas das medidas urxentes que a candidatura poñería en vigor en canto acceda á institución municipal.

O texto e o decálogo é simplemente unha proposta de traballo. Podedes asumila na súa totalidade ou traballar sobre ela modificando e/ou engadindo todos aqueles aspectos que consideredes.

Unha lingua para gobernar un concello

A lingua galega é o texto en que se escriben os nosos compromisos colectivos. É unha lingua viva e vital, aberta e impura, unha lingua popular, coloquial, formal e científica; literaria e filosófica; culta e rica; unha lingua heteroxénea e xenerosa, capaz de expresalo todo, mesmo o que está sen expresar.

A lingua galega é o noso instrumento de comunicación, a nosa ferramenta social de construción comunitaria. Nunca nos abandonaremos dela. Configúranos e configura a nosa realidade de maneira semellante a como nós, o Pobo Galego, colectivamente a conformamos. Agora, no tempo presente, e tamén ao longo da historia.

Non necesitamos a lingua para o futuro. Precisámola para este presente que temos a intención de conquistar. Non somos máis, e tampouco menos, ca o resto de falantes do mundo. Persoas que usamos unha lingua e teimamos en vivir nela. Só aspiramos a iso, ao dereito fundamental a vivirmos a totalidade das nosas vidas empregando a nosa lingua.

Por esas e moitísimas máis razóns, conmemorando o 17 de maio, Día das Letras Galegas, facemos unha declaración de compromiso. Queremos que os Concellos de Galicia se constitúan en motor dun Novo Proceso de Normalización Lingüística que pivote sobre tres esteos:

  1. os dereitos lingüísticos dos usuarios, falantes activos e pasivos
  2. a conservación, transmisión e recuperación da lingua nos ámbitos familiares e de socialización da infancia e da mocidade
  3. a promoción pública do galego en todos os eidos da vida social e das actividades económicas

Eses serán os principais obxectivos: o pleno exercicio de dereitos lingüísticos, o galego como lingua de instalación na infancia e na mocidade e a súa promoción social.

DECÁLOGO [podes baixalo aquí]

COMPROMETÉMONOS, pois, publicamente, a promover, entre outras, as seguintes accións:

  1. Elaboración dunha Carta Municipal de Dereitos Lingüísticos, en colaboración coa cidadanía e coas diferentes asociacións cívicas, veciñais, culturais, etc.
  2. Elaboración e aprobación dun Plan de Normalización adecuado á realidade e ás necesidades do concello, coa colaboración e a implicación directa dos diferentes sectores da sociedade civil.
  3. Aprobación dun Protocolo Municipal de Compromiso coa Lingua que regule o uso do galego nas comunicacións internas e externas, públicas e privadas, do Concello.
  4. En todos os acordos de colaboración, contratación de servizos, compras, etc. do Concello con entidades ou empresas alleas á administración municipal, o emprego da lingua galega será requisito.
  5. O Concello será un axente activo de promoción do uso da lingua na infancia e na mocidade, a través das escolas infantís, das actividades deportivas ou escolares e de toda clase de ámbitos de encontro e de socialización para estas idades.
  6. O Concello implicará a todos os sectores da poboación nos procesos normalizadores, mediante cursos e actividades orientadas a situar a lingua galega no imaxinario dos diferentes grupos de usuarios como unha ferramenta socialmente útil e viva. Tamén dará voz, difusión e apoio a todas aquelas iniciativas normalizadoras que no seo da sociedade civil se producen.
  7. Poñeranse en funcionamento campañas de dinamización e información orientadas á recuperación da transmisión lingüística nas familias. Facer que a lingua de pais e nais sexa tamén a lingua de fillas e fillos será obxectivo principal da nosa política lingüística. E tamén recuperar os usos lingüísticos nos casos de usuarios pasivos.
  8. Elaboraranse e aprobaranse, coa colaboración dos axentes dos sectores implicados, programas de dinamización e concienciación do comercio e das empresas locais en relación co uso da lingua, coa necesidade de relacionarse en galego cos usuarios e coa conveniencia de ofrecer aos posibles clientes valor engadido de calidade.
  9. A cultura de expresión en lingua galega e as actividades relacionadas con ela serán obxecto de promoción e atención prioritaria.
  10. O Concello comprometerase coa recuperación, posta en vigor e uso da toponimia e microtoponimia galega.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s