Anova Ourense suspende a campaña electoral e cancela todos os seus actos hoxe en sinal de dó.

Contra a violencia machista.

Anova pola despatriarcalización da nosa sociedade

Galiza, 8 de maio de 2015-. Dende Anova-Irmandade Nacionalista queremos manifestar que hoxe sentimos unha enorme rabia, indignación e impotencia polo feminicidio acontecido no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O deleznábel terrorismo machista segue a cobrarse vítimas. Sen piedade, sen sentido e sen unha resposta efectiva por parte dos poderes políticos e mesmo da nosa sociedade no seu conxunto.Hoxe temos que lamentar una nova vítima da violencia machista, neste caso é a primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista en 2015.

Este caso é máis dramático se cabe porque María Isabel Fuentes foi acoitelada polo que era o seu marido nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada despois de ser agredida o 3 de abril na súa casa de Verín.

Na agresión sufrida por María Isabel na súa casa fai un mes existen indicios por parte dos investigadores de ter sido un caso de violencia machista. Sen embargo, non se adoptaron as medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido acceder á habitación e asasinala. Para Anova, resulta dificilmente explicábel o feito de que, como tantas veces, non funcionase un só protocolo preventivo para evitar o acontecido, cuestión esta que ten moito que ver coa lixeireza e desidia coa que os nosos gobernantes e lexisladores tratan a insoportábel situación xerada polo insufríbel patriarcado da nosa sociedade. Dende Anova queremos, xa que logo, esixir tamén responsabilidades a quen corresponda polo amparo social e lexislativo que se está a conceder ao terrorismo machista.

O mes pasado coñecíamos o derradeiro informe anual do Observatorio para la Violencia Doméstica y de Género del Consejo General del Poder Judicial de onde se extrae que os casos de mulleres vítimas con protección descenderon en 2014, porén as denuncias por violencia machista repuntaron o pasado ano. O asasinato de María Isabel Fuentes é unha proba máis da falta de medidas de protección para as mulleres que se senten ameazadas polos seus compañeiros ou excompañeiros

As medidas adoptadas polas distintas institucións en clave de violencia machista non son suficientes senón atallamos o problema de raíz, e asumimos como unha prioridade para a nosa sociedade a eliminación da violencia e dos comportamentos machistas. Con todo, somos conscientes tamén que a propia sociedade no seu conxunto debería facer unha reflexión colectiva sobre as causas reais polas que tantas mulleres son acotío maltratadas, menosprezadas, invisibilizadas, vexadas e asasinadas da man das súas parellas. A desigualdade, a discriminación e a misoxinia deben ser desterradas das nosas vidas xa.

Dende Anova consideramos que é preciso o compromiso por parte de tódalas institucións de traballar conxuntamente e dar prioridade a elaboración e implementación de políticas que logren atallar a lacra social que estamos a padecer as mulleres.

Cada ano, milleiros de homes deciden que queren e poden exercer violencia contra o corpo das mulleres. Cada ano, milleiros de homes séntense co dereito a someter, humillar, alcumar, controlar… a dignidade doutros tantos milleiros de mulleres.

As mulleres e homes de Anova traballamos dia a dia co compromiso para despatriarcalizar a nosa sociedade e contribuír á construción doutro modelo. Os procesos constituíntes, que impulsamos xunto cos colectivos sociais, terán que pór as bases para acabar coa violencia machista e a desigualdade.

Nestes días de campaña electoral, Anova quere reafirmarse e solidarizarse con elas todas, de xeito que Anova Ourense suspende todos os seus actos para o día de hoxe e animamos á cidadanía a denunciar o terrorismo machista do xeito que consideren oportuno.

Así mesmo, Anova fai un chamamento para que todas as persoas de ben acudan ás concentracións de rexeitamento convocadas para mañá sábado, ás 20:00 horas, en moitas cidades e vilas galegas, ou no seu defecto para que fagan visíbel está enorme vergoña social que nos asoballa do xeito que teñan a ben.

 

Nin unha máis! Fóra o machismo das nosas vidas!

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s