As esquerdas necesitan unha política europea común!

sinpermiso

Chamamento para o “Simposio Internacional Europa-SinPermiso” (Barcelona, 4-5 abril 2014), por Antoni Domènech, Xosé Manuel Beiras, Ernest Urtasun, Gerardo Pisarello, Daniel Raventós.

As próximas eleccións ao Parlamento Europeo serán, por moitas razóns, as máis importantes da historia da UE.

A UE é o espazo económico politicamente integrado máis grande do mundo. Representa menos do 8% da poboación mundial, pero produce un montante que raia o 25% do produto total planetario. E o seu impoñente gasto social anda aínda ao redor do 50% do gasto social que se realiza en todo o mundo.

A retórica dominante con que se instituíu e se veu “construíndo” a UE:

  • ofrecía paz nun continente inveteradamente devastado por carnicerías bélicas intestinas;
  • brindaba tamén unha mensaxe de paz aos pobos do mundo outrora sometidos ao peor colonialismo xenocida e ecocida das grandes potencias capitalistas europeas;
  • falaba de liberdades públicas, prosperidade, benestar e “cidadanía social” para as poboacións traballadoras nun continente que non soubo aforrar ningunha das experiencias amargas do século XX;
  • prometía asegurar a escala europea os grandes logros do antifascismo europeo de posguerra;
  • na súa mellor versión, aspiraba a estender a todo o continente algo semellante ao programa básico do Consello Nacional da Resistencia antifascista francesa e instituír unha grande unión política supranacional vertida no molde republicano do Estado Democrático e Social de dereito;
  • e, conforme a esa promesa, facía votos pola homoxeneización do desenvolvemento económico e do progreso social do continente

Desa retórica fundacional das súas elites, non queda hoxe, literalmente, nada:

  • quen pode falar de paz nun continente inzado de guerras e rebentos bélicos intestinos, desde a Iugoslavia dos 90 ata a Ucraína de hoxe?;
  • e que podemos dicir agora das mensaxes de paz aos pobos do mundo tras a estupefaciente recuperación da peor retórica militarista e colonialista das grandes e non tan grandes potencias nacionais europeas no Oriente Medio, en Libia, en Siria, no Magreb, na África subsahariana e mesmo na propia Europa oriental, cada vez máis convertida en triste escenario dun conflito estratéxico neo-Lebensraum?;
  • quen, sen se ruborizar, pode hoxe falar de garantías democráticas e liberdades públicas nunha UE que tolera os seus ominosos retrocesos en Hungría, en Chequia, en Polonia, en Letonia ou na España de Gallardón e Fernández Díaz?;
  • quen que non tape antes o rostro con tres dedos de mesta maquillaxe pode seguir falando agora de “prosperidade” e “benestar” nunha UE crecentemente arrasada polo paro, o subemprego, a precarización do mundo do traballo, a desvalorización salarial, o dumping social, a espiral deflacionista e a mercantilización privatizadora dos servizos públicos?;
  • quen lembra hoxe, sen sentir vergonza allea, as bobas e demagóxicas promesas feitas, onte mesmo, coma quen di, no Tratado de Lisboa (2007) con aquel venturoso programa Europa 2000 que tiña que converter a toda velocidade a UE na primeira potencia mundial dunha pomposa e baleiramente chamada “economía do coñecemento”?;
  • e quen ousará falar de “cidadanía social” nunha UE que, lonxe de se encamiñar a instituír a armazón republicana dun Estado Democrático e Social de Dereito a escala continental, procede sen disimulo -por conta da batería de contrarreformas ditadas por unha autoritaria política fiscal común procíclica de austeridade e retracción do gasto público- a facer presión sobre os diferentes gobernos dos seus Estados membros precisamente a prol do seu desmantelamento a escala nacional?;
  • ou é que non asistimos agora mesmo nos Estados membros ao desencadeamento, tamén como consecuencia indirecta dese federalismo autoritario imposto pola Troika, non só dun comprensible malestar social crecente en todos, senón ao xurdimento así mesmo, en non poucos deles, de procesos e forzas centrífugas, ás veces de inspiración inequivocamente democrática (coma os movementos independentistas escocés e catalán), pero outras veces -se cadra as máis delas- de inspiración etnicista ou protofascista (coma en Flandres, en Padania e en tantos sitios da Europa central e oriental)?
  • Lonxe de chegar a se constituír a UE como un baluarte político do Estado Democrático e Social de Dereito inspirado nos grandes ideais republicanos ilustrados da Liberdade, a Igualdade e a Fraternidade evocados no seu marabilloso himno;
  • lonxe de se ver capaz de defender as poboacións europeas do catastrófico capitalismo contrarreformado e remundializado, eufemisticamente coñecido como “globalización”:
  • non leva camiño de se converter ela mesma nun exemplo sen par da amarga verdade segundo a cal a outra cara da “globalización” é a “balcanización” da orde internacional, é dicir, a substitución -irresponsablemente aplaudida por “globalizadores” de toda castuaxe- do insuficiente cuius regio eius religio poswestfaliano por un cuius religio eius regio de pésimo agoiro?
  • E moi lonxe, en fin, de ser a honrada promesa de homoxeneización do desenvolvemento económico e do progreso social do continente, o certo é que a UE se fragmentou nun “Centro” e nunha “Periferia”.

Polarizada entre países “acredores” e países “debedores”, gravemente danado o mecanismo de transmisión monetaria -que xa non dá mantido uniformes os intereses que pagan as empresas privadas polos empréstitos nos diferentes países-, a Eurozona só se salvou dunha desintegración inminente mercé á famosa intervención discrecional do señor Draghi no dramático verán de 2012. E é verdade que esa intervención, xeralmente celebrada polos habituais turiferarios mediáticos e académicos como “providencial”, conseguiu frear (polo de agora) a loucura da especulación financeira internacional cos títulos de débeda pública da “Periferia” en apuro. Mais engadiu unhas cantas atmosferas máis de presión “austeritaria” sobre os gobernos electos deses países, que quedaron desde ese momento ao arbitrio do presidente do BCE: un home procedente do mundo da banca privada internacional ao que ninguén elixiu para o cargo.

Agora mesmo, son seguras dúas cousas:

  • A primeira: nin o centrodereita Popular, nin os Liberais, nin os Verdes, nin a vella Socialdemocracia nin a Esquerda teñen neste momento unha política europea común; só a extrema dereita protofascista ou abertamente neofascista comeza a tela. Unha política común -virulentamente populista e demagóxica- antieuropea!
  • A segunda: a extrema dereita está en ascenso en toda a UE: xa directamente, por si propia, xa pola progresiva colonización tóxica do discurso e da política da dereita, do centro e mesmo dun centroesquerda máis desnortado ca nunca.

As esquerdas necesitan urxentemente unha política europea común, porque a desintegración da UE sería unha catástrofe de dimensión planetaria, non só para os europeos. Necesitan superar vellas querelas sectarias e suturar en común vellas feridas innecesariamente abertas. Necesitan facer, tamén en común, unha autocrítica seria, intelixente e informada dos seus moitos e graves erros no proceso de construción europea das dúas últimas décadas.

As diferentes esquerdas precisas, en suma, volver pensar en común, buscar un diagnóstico común do perigosísimo momento que atravesa o continente. E descubriren e debuxaren, tamén en común, unhas perspectivas políticas tan realistas coma radicais: á altura dos tempos de radical calamidade que nos tocou vivir:

  • unhas perspectivas tan atractivas como ben fundadas, tan resoltamente alternativas como plausibles;
  • unhas perspectivas vigorosas, lúcidas e valentes: tan arredadas da esgotada indolencia consignista do burócrata coma da obnubilada premeditación do demagogo ou o temerario simplismo do sectario, que nas turbas enxurradas da temeridade e da demagoxia sempre foi a extrema dereita a que saíu coa presa nos dentes;
  • unhas perspectivas capaces de conquistar politicamente as cabezas e os corazóns de amplas maiorías dunha poboación traballadora europea que se descobre inopinadamente perdedora, que se intúe con razón vítima dun deseño institucional de partida trapalleiro (comezando polo da Unión Monetaria) e que se sente, con non menos razón, a mercé do opaco poder aparentemente inexpugnable que conseguiu arrogarse unha desalmada caste financeira, política e tecnocrática que, non elixida nin directa nin indirectamente por ninguén, está agora mesmo en condicións de impoñer a todos unha políticas, amais de economicamente necias, socialmente devastadoras.

Esas nos parecen as necesidades do momento. Coa organización do “Simposio Internacional Europa SinPermiso”, que terá lugar en Barcelona, os próximos 4 e 5 de abril de 2014, buscamos acudir modestamente ao encontro delas.

Antoni Domènech (Editor xeral de SinPermiso)

Xosé Manuel Beiras (Consello Editorial de SinPermiso, fundador de ANOVA)

Ernest Urtasun (Colaborador habitual de SinPermiso e Candidato de ICV-EUiA ás eleccións europeas)

Gerardo Pisarello (Comité de Redacción de SinPermiso, vicepresidente do DESC)

Daniel Raventós (Comité de Redacción de SinPermiso, Presidente de Rede Renda Básica)

O PROGRAMA PROVISIONAL DO SIMPOSIO PÓDESE CONSULTAR AO FINAL DO TEXTO ORIXINAL
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s