Doble erro do traslado á Casa da Xuventude do Punto de Encontro Familiar de Ourense

casa da xuventude de ourense

Ante o cambio de de ubicación do  Punto de Encontro Familiar de Ourense, Anova – Irmandade Nacionalista quere facer as seguintes consideracións:

O Punto de Encontro Familiar (PEF) é un lugar idóneo e neutral, onde se produza o encontro dos membros das familias, nas que o exercicio dun dereito de visitas está interrompido ou é conflitivo, atendido por profesionais, facilitando a relación materno/paterno-filial e garantindo a seguridade e o benestar do menor. Para o ten que contar cos recursos materiais e humanos necesarios co fin levar a cabo unha atención e seguimento integral e interdisciplinar.

O procedemento habitual para acceder aos PEF é mediante a derivación dos servicios sociais, neste caso do Concello, ou por derivación nun trámite xudicial.

Os puntos de encontro deben  ser  espazos cun horario bastante flexible, seguros, que protexan a intimidade das persoas implicadas, xa que en moitos casos hai complicados procedementos xudiciais pólo medio e situacións de violencia de xénero e/ou doméstica. Estabelecer a nova ubicación do PEF de Ourense no edificio da Casa da Xuventude non é máis que un novo bandazo nas políticas sociais da Xunta de Galiza, un lugar no que a mocidade da cidade debera estar reflectida e a cal debera facer uso e ser participe dela, pero que pola contra se volve a boicotear, indirectamente, o seu uso por parte da xente máis nova.

Desta volta un dobre erro, a dúas bandas, posto que levar o PEF á Casa da Xuventude afecta tanto aos mozos e mozas que seguen a usar o recinto xuvenil, tendo que compartir estancia coa dor de familias con problemas, inmersas en complicados procesos xudiciais e inclusive casos de violencia de xénero ou doméstica, o que supón policía custodiándoas e escenas traumáticas que non deberan de atoparse nun centro xuvenil; e pola outra afectando a ditas familias levándoas a un lugar terriblemente exposto, no que non se preserva a súa intimidade e confidencialidade das persoas en cuestión.

Durante os derradeiros anos de goberno da Xunta, a presenza de mozos e mozas na Institución viuse gravemente reducida por mor da falta de actividades e a mala xestión da Xefatura Territorial da Xunta. Trámites burocráticos que esixen solicitar espazos con antelación, salas pechadas e baleiras, así como recursos materiais sen empregar é o día a día da Casa da Xuventude na cidade de Ourense.

A nova ubicación do PEF, obriga a pensar que existe un obxectivo claro, que é a destrución da Casa da Xuventude, dándolle novos contidos para eliminar o seu obxecto principal. Entendemos que temos na nosa cidade un edificio histórico, referente a nivel estatal da animación sociocultural e que, neste momento de crise, debería volver a converterse nun espazo de socialización para mozos e mozas, e non simplemente un edificio administrativo, como foi no período de 1970 a 1978. Co PEF esto é inviable.

En referencia ao proceso concursal, aberto para a adxudicación, tamén cabe destacar que a xestión da maioría dos PEF a nivel estatal corresponde a asociacións sen ánimo de lucro, algunhas creadas para este fin e outras con actividades máis amplas e das que o Punto de Encontro constitúese como un servizo máis. Dito isto, chama enormemente a atención que unha das empresas participes do concurso non sexa outra que o grupo EULEN, da que a súa apoderada sería Micaela Nuñez, irmá do actual presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feijóo. Unha empresa posta en entredito en numerosas ocasións polas súas concesións, máis se cabe despois de un 2013 cargado de adxudicacións tanto de diversas Consellerías da Xunta de Galiza como da TVG.

Dende Anova Ourense – Irmandade Nacionalista proponse reconverter este espazo nun referente e modelo (tal e como foi nos anteriores 30 anos) que fomente a participación da xuventude: hotel de asociacións, actividades e obradoiros baseados en propostas de mozos/as e non impostos pola coordinación de actividade, estrutura web que facilite a participación, renovación do Consello de xestión cunha maior autonomía na dirección e menor inxerencia da Xefatura territorial da Xunta no funcionamento, fomento do asociacionismo e grupos informais, trámites administrativos como achegas de información e dispensación de carnés xoves, ISIC, alberguistas, etc. (que a día de hoxe realízanse na área de xuventude, fóra da propia Casa).

Queremos reiterar a necesidade de que os servizos sociais sexan prestados de xeito público, garantindo unha atención efectiva e de calidade, aínda máis tratándose dunha cuestión tan delicada como a que atenden os puntos de encontro familiar. Consideramos que existen outros edificios que neste momento están infrautilizados ou baleiros, nos que se podería instalar o novo PEF sen ter que debilitar un recurso como é a Casa da Xuventude da nosa cidade.

É por todo isto que os Grupos de Traballo de Mocidade e Igualdade e Xustiza Social de Anova Ourense – Irmandade Nacionalista, conscientes da necesidade da unidade de acción social, comezarán na próxima semana unha rolda de contactos con diferentes organizacións, colectivos e plataformas da cidade nun intento de recuperar o espazo e valores da Casa da Xuventude, para que este volva a ser un dos referentes sociais da Xuventude na nosa cidade.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s