XM Beiras e Antón Sánchez presentan 60 medidas contra o lume

anton sanchez e beiras parlamento

Xosé Manuel Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”.

Alternativa Galega de Esquerda presentou dúas proposicións non de lei con medidas contra os incendios e por un cambio na política no medio rural.

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”.
Alternativa Galega de Esquerda presenta 13 medidas para entrar, segundo o deputado Antón Sánchez, no fondo do asunto, que pasa por fixar poboación no rural.

Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.

PNL AGE: medidas anti-incendios ditame comisión 1987

As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.

Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

PNL AGE: política rural

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s