Denunciamos o lamentábel estado do Centro de interpretación de Xogos Populares do Palao

Hai case 13 anos, concretamente o 21 de Outubro do ano 2000 comezaba unha das tradicións políticas ourensáns, a da construción de Centros de Interpretación, moitos deles de dubidosa utilidade, pero claro, había que gastar os fondos que nos viñan de fóra, non se ían perder!

Inaugurábase así un dos primeiros centro de interpretación, o Centro de Interpretación de Xogos Populares de O Palao, en Velle – A Granxa. Financiada con fondos do Plan PRODER, da Unión Europea. O Palao nacía coa convicción de converterse nun lugar de espallamento no que se pretendía pór en valor e recuperar os xogos tradicionais da nosa terra.

O centro de Interpretación de Xogos Populares de O Palao, foi construído en Velle, a 5km do centro urbán, pois fóra o lugar sobre o cal Xoaquín Lourenzo escribira, e contou no seu momento cun presuposto de 40.000.000 ptas, o que equivalería actualmente a  240.404,84 euros. Cunha superficie de 10.000m2, xogos como o da billarda, o do Turra-Suga, o do pincha-carneiros, as chapas ou a chave xa tiñan o seu lugar de estudo e desfrute.

Nos seus albores contou cun programa de dinamización e xestión de visitas escolares, xestionado este, por unha empresa privada. Pero no momento en que se acabaron as subvencións todo isto quedou en nada. Finalmente ate hai poucos anos poñéndose en contacto coa Concellería de Medio Ambiente podíanse concertar visitas, cousa que ao parecer e en vistas do seu estado tamén fica no esquecemento.

Dende Anova Ourense – Irmandade Nacionalista queremos denunciar o estado actual de O Palao, totalmente abandonado a súa sorte, destruído polo paso do tempo e os deficientes ou nulos coidados, e sobre todo enormemente estragado por actos vandálicos. Este deixamento por parte das institucións chega a tal punto que, nos últimos tempos, un peche levantado dunha finca estremeira á entrada impide que os coches accedan incluso ao aparcadoiro de O Palao.

Por tanto instamos ás institucións con competencias neste asunto, fundamentalmente o Concello de Ourense e a Deputación a que revertan esta situación no menor tempo posíbel, evitando que estes estragos, os cales non deixan de aumentar, continúen por rematar definitivamente co centro de interpretación de Velle, e que así os cidadáns que o desexen podan volver a facer uso deste recinto nunhas condicións óptimas.

Do mesmo xeito, consideramos que urxe un plan de dinamización conxunto á rehabilitación de O Palao, que poña en valor, tanto este patrimonio material, coma o inmaterial que supón os xogos populares que se herdan dos nosos devanceiros, e cree, mediante xestión pública, un servizo, como xa se dixo, de dinamización do mesmo, que promova tanto o seu uso, como a explicación aos máis pequenos dos valores, variedades e historia dos xogos populares na Galiza.

Xa para rematar, dende Anova Ourense – Irmandade Nacionalista queremos mostrar a nosa inquedanza pola falta de preocupación, por parte dos organismos públicos competentes, da xestión dos recursos que o noso concello ten ao seu dispor, non sendo este o único caso de abandono por parte das administracións, do patrimonio ourensán, como pode ser o caso do Xardín Botánico de Montealegre, da antiga cárcere provincial ou do río Barbaña, entre outros moitos.

Do mesmo xeito dar os nosos parabéns a iniciativa BICOMÚN, que tivo lugar este pasado fin de semana, na que de maneira interactiva fíxose denuncia de moitos destes casos de abandono e falta de coidado, de zonas e patrimonio, da nosa cidade tentando así que a cidadanía reflexione acerca do que temos e debemos poñer en valor.

This slideshow requires JavaScript.

Advertisements

Un comentario en “Denunciamos o lamentábel estado do Centro de interpretación de Xogos Populares do Palao

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s