Anova homenaxeou en Ferrol ás vítimas do 10 de marzo de 1972

anova ferrol 10 de marzo

Anova da comarca de Ferrol realizou unha ofrenda floral no monumento ao 10 de marzo, día da Clase Obreira Galega, en memoria de Amador e Daniel, asasinados en 1972.

Previamente, Xosé Manuel Beiras impartiu unha conferencia sobre a situación política da Galiza e do mundo.

Deixámosvos as palabras do compañeiro Lois Rico na ofrenda floral.

HAI CORENTA E UN ANOS

“Erguéstesvos cedo aquel día,
o costume do traballo,
erguéstesvos cedo aquel día
para facernos coa vosa morte, …”

(Uxío Novoneyra)

Así foi, compañeiras e compañeiros. Aquel 10 de marzo de hai corenta e un anos erguéronse Amador, Daniel e miles de bazaneiros máis para ir ao seu curro. Atoparon as portas da factoría pechadas porque a véspera os traballadores, nunha improvisada asemblea, atrevéronse a reclamar un convenio de Factoría para Ferrol (independente de Cádiz e Cartaxena), posibilidade que, por outra banda recoñecía o propio Ministerio de Traballo de aquel entonces. Isto conseguiu alporizar moitísimo á Dirección da Constructora que decretou o peche e varias detencións, como ben sabedes, e que logo marcharon en ben pacífica manifestación polas rúas da Cidade coa intención de se xuntar cos compañeiros de Astano, ata chegar aquí mesmo, e foi aquí mesmiño onde se apagou aquela voz que lles murmuraba “Colle a fouce, meu pobo, ergue a testa, protesta e despois mata ó lobo”.
Aínda que non o vivirades directamente, moitos de vós nin sequera nacerades, o acaecido neste día, verdadeiro impase na historia da clase obreira galega, e sobradamente coñecido de todos.
Quen me dera ser quen de vos transmitir os sentimentos de medo, abatemento, rabia, cabreo, que experimentamos naquela data. O certo é que ese día o pánico estaba instalado en un Ferrol tomado polos grises e incomunicado. A cidade era un cemiterio. Os da outra banda, como nos chamades por aquí, non puidemos embarcar na lancha de Mugardos ata ben pasadas as seis da tarde. A xornada pechábase con dous asasinados, ducias de feridos, case douscentos despedimentos e máis dun cento de detidos. Estes foron, moi a grosso modo, os malfadados feitos.
Faltaban aínda máis de tres anos para que aquel can de palleiro que nos cantaban Benedicto e Bibiano baixara de vez a “dentadura”. Pasamos por unha transición da que Gómez Alén di que “non foi obra dun selecto grupo de intelectuais, senón do compromiso da clase traballadora”. Clase traballadora que, con ese compromiso, traballo e mesmo sacrificio, sobre todo aquí en Ferrolterra e Vigo, contribuíron grandemente a reconstrucción nacional do País,
Pero, hoxe? Con qué nos atopamos corenta e un anos despois? Arrincamos a dentadura, saímos desa “longa noite de pedra”, e xa está?
Que va, amigas e amigos, que va. Hoxe máis que nunca “a loita continúa”. Non quero que me atiledes de catastrofista, pero cal foi a dictadura que rematou? A do noso pérfido veciño da rúa María? Esa, só a medias. Ten magníficos ou non sei se mellores continuadores que seguen esmagando aos currantes para encher o bandullo e máis o seu peto. E ata din: Non foi dictadura só un réxime autoritario, a historia está aí e hai que respectala, non o disimulan nada. Hai que seguir esmagando aos traballadores e ás clases populares. Amigo Xaquín Marín tes que recuperar as túas historias de esmagados que agora están de rabiosa actualidade.
Sairamos dun dictadura fascista e enganchámonos a outra máis sibilina cos caretos de Díaz Ferrán, Arturo Fernández, Rossel, Botín, Gaioso, José Luís Méndez, José Luís Pego que teñen ao dictado a Raxoi, a Freixóo. Chámanse mercados, mercadores máis ben. Que estes non matan? Si que matan, si. Preguntádelle aos case seis millóns de parados (e case catrocentos mil neste País), á familia da señora de urxencias do CHUVI de Vigo, ás mesmas saturadas urxencias do CH Arquitecto Marcide (antonte había 41 persoas cunha media de 24 horas de espera para subir a planta), aos desafiuzados que hai a cotío.
E por riba róubannos tamén o futuro recortando cada día máis no ensino dos nosos fillos. Esa educación pola que os nosos pais e avós devecían para nola dar. Son insaciábeis. Non lles chegan os recortes no salario, na pagas extra, na conxelación das pensións, no peche, total ou parcial, pero sistemático de todo o público: Parador de turismo, supresión de 7 postos en Dependencia desta Área de Ferrol, axustes no CAMF, transportes Ramos, sumado aos máis de mil operarios das auxiliares do Naval, a tomadura de pelo co dique flotante de Navantia, cos contratos de Pemex, á oferta rexeitada pola Armada norueguesa, ao traballo cada vez máis en precario das mulleres, despedimentos e peches diarios de pequenos comercios e un longo etcétera. E todo isto para que, como dicía sempre o meu amigo Calele (1) cando o convidaban a unha cunca, “la casa que no pierda nunca”. A Banca é a que sempre gaña, amigos. E nós cada día máis pobres
Sen embargo, hoxe é o noso día, o día dos traballadores e traballadoras, noso, da clase obreira, e temos que albiscar por algures un raíño de luz que nos amose o camiño. A ilusión, esa si, que non nola poden roubar.
Por iso quero rematar esta reflexión en voz alta cunhas liñas de Manolo Rivas: “A estirpe obreira de Ferrolterra, homes e mulleres, ocupa un lugar senlleiro no que poderíamos denominar a Historia da Esperanza. Xente feita coa mellor madeira da humanidade, nos obradoiros do mar.”

Viva a clase obreira galega!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s